Toca falar de
inclusión. O centro de formación Padre Piquer, en Madrid, poderiamos dicir que
está especializado nesta dura tarefa da educación. A inclusión de alumnado
pertencente a case 40 países diferentes nos que, como xa sabemos, cada un deles
conta coas súas costumes, as súas tradicións e os seus hábitos diferentes. Polo
que o reto deste centro educativo parece complexo.
Aquí deixo un enlace a unha reportaxe que lles fixeron desde o xornal dixital Madridiario.
As súas aulas son
denominadas cooperativas e multitarefa. Cooperativas porque o alumnado se axuda
entre si e porque son varios os docentes que guían aos diferentes grupos.
Multitarefa porque cada alumno ten o seu ritmo e un pode estar traballando con
contidos matemáticos e outro con contidos lingüísticos, de aí que tamén sexan
necesarios varios profesores nestas aulas.
Paréceme que este
centro está facendo un labor social e educativo moi importante nun lugar como é
Madrid, que recibe moita migración e moitos dos rapaces en idade escolar
poderían estar practicando o absentismo ou deixándose levar nunha clase na que
non ten unha atención individualizada que necesita, sobre todo, nos seus
primeiros anos de escolarización en España.
Pese a todo, e sen
coñecer o que acontece a diario nas aulas, vexo algo utópico o xeito de traballaren
estes docentes. Son profesionais conscientes da difícil situación de moi boa
parte do alumnado e entendo que as barreiras lingüísticas e dos hábitos se van
pulindo pouco a pouco, pero estamos preparados para afrontar este reto tan
complexo? Supoño que hai unha evolución positiva, pero paréceme demasiado
abstracto todo o que se presenta no seu proxecto. Ademais, chámame a atención o
uso permanente e remarcado de tabletas, cando quizais as prioridades son
outras. Pero descoñezo o sistema de subvención que pode ter este centro que non
é público; e se só acceden á ensinanza as persoas con máis recursos económicos
porque, de ser así, é unha contrariedade á iniciativa que se promove.
Por outra banda, e
xa como última reflexión, non sei ata que punto é bo que o 80 ou 90% do
alumnado sexa de nacionalidades diferentes á española porque podemos estar
creando dalgún xeito “guetos” e privando a estes rapaces dunha ensinanza en
colexios aos que asisten tamén os propios madrileños, é dicir, privando dunha
ensinanza verdadeiramente inclusiva.
Insisto, todo isto
partindo da idea de que o traballo que fan desde este centro parece unha grande
iniciativa social e educativa, coa que están tentando evitar un mal maior: o
absentismo escolar e o analfabetismo.
Aquí deixo un enlace a unha reportaxe que lles fixeron desde o xornal dixital Madridiario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario