venres, 28 de febreiro de 2020

O IES Miguel Catalán

Hoxe quero achegarvos o caso deste instituto de Coslada, en Madrid, porque está facendo un labor moi preto do que é para min o centro educativo ideal. Sen aparente ideoloxía detrás de toda a transformación que foi promovendo, este instituto público involucra a toda a comunidade educativa no que se está a facer desde o centro. Esta é unha das condicións primordiais que penso que garante o éxito do que se quere levar adiante.

Pero o que máis me atrapa das súas accións transgresoras é que o que se aprende na aula, víveno despois en directo saíndo ao patio ou polas tardes axudando nun hospital ou nunha protectora de animais. O feito de abrirse ao mundo que está aí fóra fai que o alumno madure antes, coñeza desde a escola a sociedade na que vai traballar nuns anos, as problemáticas ás que se enfrontan as xeracións de hoxe e de mañá; é un xeito de interrelacionar constantemente o que están aprendendo nas aulas co que está pasando aí fóra, no concello no que viven ou no que estudan. É transcendental, ou polo menos baixo a miña concepción do mundo, que os rapaces non se limiten a vivir na burbulla da súa casa e do seu cole e que os problemas máis grandes están nos países doutro continente. Non, así van concienciándose desde ben novos que os problemas que impón a vida están aí ao lado e non os vexo só a través das redes sociais ou da televisión.

Parece que, efectivamente, este instituto está implicado durante todo o ano na educación en valores e non só en días sinalados. Teñen ao persoal do concello e ás asociacións da contorna do seu lado para vivir experiencias únicas, que acudindo a clase todos os días non se viven. Este alumnado sabe o que é ter ao día seguinte un exame, pero esa mesma tarde comprometeuse a pasear un dos cans da protectora de animais de Coslada, polo que ese rapaz está indo máis aló de estudar bioloxía.

E, para rematar, convénceme a idea de que non rachen con todo, que non haxa materias e que se traballe todo fóra da aula. Estes sistemas alternativos que ás veces que se nos presentan como ideais, parécenme ideais, pero algo imposibles de executar polo momento dada a estrutura do sistema educativo español. Por iso, o exemplo deste IES Miguel Catalán, paréceme que mestura ben esas dúas partes: os contidos do currículo coa educación en valores e en vivo. Só me queda entrar nas súas aulas e pasar unha semana con eles para poder dar unha opinión máis certeira do que alí fan.

A continuación deixo este enlace a un dos seus vídeos promocionais por se queredes coñecer máis detalles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario