A práctica da
innovación nas aulas é menos frecuente do que podemos pensar aínda que
escoitemos nos últimos anos que o uso das TIC está aumentando no sistema
educativo do noso país. Nin a implantación das novas tecnoloxías é a esperada
neste século XXI nin a simple utilización das TIC é innovación.
Innovar na aula non
é tarefa doada despois de tantas décadas dependendo dun elemento central como
foi e é o libro de texto. De feito, nas clases que ata o momento presenciei, o
libro segue sendo o fío condutor da materia. Pero si que é certo que hoxe en
día son moitas as posibilidades que se abren para facer que a ensinanza dunha
materia sexa diferente. Para iso o docente vai ter que empregar máis tempo no
deseño do currículo e de cada unha das súas clases, pero o alumnado tamén o vai
agradecer. Debemos ter en conta que os rapaces de hoxe reciben moitos máis
estímulos e chegar a motivalos depende en boa parte da innovación.
Pero como podemos
innovar? Non hai un método máxico e único. Innovar, baixo o que eu considero, é
tratar de ensinar os contidos dun xeito dinámico, empregando en cada unha das
clases materiais diferentes, tratando de sorprender o alumnado con exercicios
que non repitan a súa estrutura, botando man de contidos reais pegados á
actualidade e aos seus intereses e, por que non, facendo mover aos alumnos pola
aula e mesmo polo centro acudindo de cando en vez á Aula de Informática co
amplo abano de recursos que Internet nos ofrece, outro día ao Laboratorio de Idiomas
e asistindo a actividades complementarias como poden ser charlas relacionadas
coa nosa materia.
Innovar na ensinanza dunha lingua quizais sexa posible
achegándote a ese idioma co obxectivo primeiro e último de saber comunicarse e
ter un amplo vocabulario. Isto pódese conseguir a través de moitos recursos que
non nos leven a ser repetitivos e a estar máis achegados aos nosos alumnos. No
ensino dunha lingua (sexa L1 ou estranxeira) empregaría hoxe en día moitos
contidos audiovisuais, o cine e o teatro feito nese idioma serían dúas
actividades complementarias ao longo do curso, a presenza dunha persoa nativa
na aula cada certo tempo para reforzar a produción fonolóxica e traer aire
fresco á aula e, finalmente, moito material real pegado á actualidade que nos
leve á aprendizaxe da lingua, pero que tamén dea lugar á ensinanza en valores,
moi importante para min e vital para formar a sociedade que vén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario