xoves, 27 de febreiro de 2020

Silencio, grávase!

Nunha aula de Lingua Galega e Literatura pode ser de gran utilidade contar con videocasts cos que favorecer a comunicación entre profesorado e alumnado, ademais de estar creando unha ferramenta coa que aprender unha lingua de xeito máis ameno, diferente e provocando a participación de cada un dos nosos alumnos.

Este curso propóñome a creación dunha canle privada á que o alumnado e máis eu teremos acceso e na que iremos subindo diferentes videocast. Serei eu a que rompa o xeo subindo o primeiro vídeo cun Top Ten dos libros escritos en galego máis aconsellables para o curso e de entre os que deben escoller, polo menos, un deles para ler durante o transcurso do ano académico.

Pero neste contorno virtual de aprendizaxe serán eles os protagonistas, os alumnos. E en actividades cotiás da aula como un exercicio de pronuncia serán gravados entre eles para despois comprobar como se comportan nesta parte importante da aprendizaxe dunha lingua. O día que teñan que facer unha presentación diante dos compañeiros, será unha boa ocasión para que se graven e analizar na clase seguinte a actitude, os xestos, os contidos en si... Todo co propósito de ir perdendo medo ás cámaras, de observarse desde fóra e coñecerse máis a si mesmos, pasar momentos divertidos e diferentes nas aulas e polo centro e así poder chegar a unha actividade final.

Esa tarefa final consistiría na gravación dun informativo de televisión con dous presentadores e o resto de compañeiros exercendo de reporteiros desde diferentes puntos do IES nos que informarán sobre noticias do seu interese, ben sexan reais ou inventadas, pero nas que traballarán os últimos dous meses do curso dedicándolle tempo nas clases de lingua galega. Con esta actividade final, veriamos todo o sentido que cobra este espazo de videocasts co que aprendemos a materia dun xeito diferente e, ademais, o que nos axudou a cámara a ir desbotando medos e a desfacernos da parte máis introvertida que sempre está aí.



Ningún comentario:

Publicar un comentario