venres, 28 de febreiro de 2020

O labor nas aulas do Padre Piquer

Toca falar de inclusión. O centro de formación Padre Piquer, en Madrid, poderiamos dicir que está especializado nesta dura tarefa da educación. A inclusión de alumnado pertencente a case 40 países diferentes nos que, como xa sabemos, cada un deles conta coas súas costumes, as súas tradicións e os seus hábitos diferentes. Polo que o reto deste centro educativo parece complexo.

As súas aulas son denominadas cooperativas e multitarefa. Cooperativas porque o alumnado se axuda entre si e porque son varios os docentes que guían aos diferentes grupos. Multitarefa porque cada alumno ten o seu ritmo e un pode estar traballando con contidos matemáticos e outro con contidos lingüísticos, de aí que tamén sexan necesarios varios profesores nestas aulas.

Paréceme que este centro está facendo un labor social e educativo moi importante nun lugar como é Madrid, que recibe moita migración e moitos dos rapaces en idade escolar poderían estar practicando o absentismo ou deixándose levar nunha clase na que non ten unha atención individualizada que necesita, sobre todo, nos seus primeiros anos de escolarización en España.

Pese a todo, e sen coñecer o que acontece a diario nas aulas, vexo algo utópico o xeito de traballaren estes docentes. Son profesionais conscientes da difícil situación de moi boa parte do alumnado e entendo que as barreiras lingüísticas e dos hábitos se van pulindo pouco a pouco, pero estamos preparados para afrontar este reto tan complexo? Supoño que hai unha evolución positiva, pero paréceme demasiado abstracto todo o que se presenta no seu proxecto. Ademais, chámame a atención o uso permanente e remarcado de tabletas, cando quizais as prioridades son outras. Pero descoñezo o sistema de subvención que pode ter este centro que non é público; e se só acceden á ensinanza as persoas con máis recursos económicos porque, de ser así, é unha contrariedade á iniciativa que se promove.

Por outra banda, e xa como última reflexión, non sei ata que punto é bo que o 80 ou 90% do alumnado sexa de nacionalidades diferentes á española porque podemos estar creando dalgún xeito “guetos” e privando a estes rapaces dunha ensinanza en colexios aos que asisten tamén os propios madrileños, é dicir, privando dunha ensinanza verdadeiramente inclusiva.

Insisto, todo isto partindo da idea de que o traballo que fan desde este centro parece unha grande iniciativa social e educativa, coa que están tentando evitar un mal maior: o absentismo escolar e o analfabetismo.

Aquí deixo un enlace a unha reportaxe que lles fixeron desde o xornal dixital Madridiario.

O IES Miguel Catalán

Hoxe quero achegarvos o caso deste instituto de Coslada, en Madrid, porque está facendo un labor moi preto do que é para min o centro educativo ideal. Sen aparente ideoloxía detrás de toda a transformación que foi promovendo, este instituto público involucra a toda a comunidade educativa no que se está a facer desde o centro. Esta é unha das condicións primordiais que penso que garante o éxito do que se quere levar adiante.

Pero o que máis me atrapa das súas accións transgresoras é que o que se aprende na aula, víveno despois en directo saíndo ao patio ou polas tardes axudando nun hospital ou nunha protectora de animais. O feito de abrirse ao mundo que está aí fóra fai que o alumno madure antes, coñeza desde a escola a sociedade na que vai traballar nuns anos, as problemáticas ás que se enfrontan as xeracións de hoxe e de mañá; é un xeito de interrelacionar constantemente o que están aprendendo nas aulas co que está pasando aí fóra, no concello no que viven ou no que estudan. É transcendental, ou polo menos baixo a miña concepción do mundo, que os rapaces non se limiten a vivir na burbulla da súa casa e do seu cole e que os problemas máis grandes están nos países doutro continente. Non, así van concienciándose desde ben novos que os problemas que impón a vida están aí ao lado e non os vexo só a través das redes sociais ou da televisión.

Parece que, efectivamente, este instituto está implicado durante todo o ano na educación en valores e non só en días sinalados. Teñen ao persoal do concello e ás asociacións da contorna do seu lado para vivir experiencias únicas, que acudindo a clase todos os días non se viven. Este alumnado sabe o que é ter ao día seguinte un exame, pero esa mesma tarde comprometeuse a pasear un dos cans da protectora de animais de Coslada, polo que ese rapaz está indo máis aló de estudar bioloxía.

E, para rematar, convénceme a idea de que non rachen con todo, que non haxa materias e que se traballe todo fóra da aula. Estes sistemas alternativos que ás veces que se nos presentan como ideais, parécenme ideais, pero algo imposibles de executar polo momento dada a estrutura do sistema educativo español. Por iso, o exemplo deste IES Miguel Catalán, paréceme que mestura ben esas dúas partes: os contidos do currículo coa educación en valores e en vivo. Só me queda entrar nas súas aulas e pasar unha semana con eles para poder dar unha opinión máis certeira do que alí fan.

A continuación deixo este enlace a un dos seus vídeos promocionais por se queredes coñecer máis detalles.

xoves, 27 de febreiro de 2020

Silencio, grávase!

Nunha aula de Lingua Galega e Literatura pode ser de gran utilidade contar con videocasts cos que favorecer a comunicación entre profesorado e alumnado, ademais de estar creando unha ferramenta coa que aprender unha lingua de xeito máis ameno, diferente e provocando a participación de cada un dos nosos alumnos.

Este curso propóñome a creación dunha canle privada á que o alumnado e máis eu teremos acceso e na que iremos subindo diferentes videocast. Serei eu a que rompa o xeo subindo o primeiro vídeo cun Top Ten dos libros escritos en galego máis aconsellables para o curso e de entre os que deben escoller, polo menos, un deles para ler durante o transcurso do ano académico.

Pero neste contorno virtual de aprendizaxe serán eles os protagonistas, os alumnos. E en actividades cotiás da aula como un exercicio de pronuncia serán gravados entre eles para despois comprobar como se comportan nesta parte importante da aprendizaxe dunha lingua. O día que teñan que facer unha presentación diante dos compañeiros, será unha boa ocasión para que se graven e analizar na clase seguinte a actitude, os xestos, os contidos en si... Todo co propósito de ir perdendo medo ás cámaras, de observarse desde fóra e coñecerse máis a si mesmos, pasar momentos divertidos e diferentes nas aulas e polo centro e así poder chegar a unha actividade final.

Esa tarefa final consistiría na gravación dun informativo de televisión con dous presentadores e o resto de compañeiros exercendo de reporteiros desde diferentes puntos do IES nos que informarán sobre noticias do seu interese, ben sexan reais ou inventadas, pero nas que traballarán os últimos dous meses do curso dedicándolle tempo nas clases de lingua galega. Con esta actividade final, veriamos todo o sentido que cobra este espazo de videocasts co que aprendemos a materia dun xeito diferente e, ademais, o que nos axudou a cámara a ir desbotando medos e a desfacernos da parte máis introvertida que sempre está aí.



Que docente se pode considerar innovador?

A práctica da innovación nas aulas é menos frecuente do que podemos pensar aínda que escoitemos nos últimos anos que o uso das TIC está aumentando no sistema educativo do noso país. Nin a implantación das novas tecnoloxías é a esperada neste século XXI nin a simple utilización das TIC é innovación.

Innovar na aula non é tarefa doada despois de tantas décadas dependendo dun elemento central como foi e é o libro de texto. De feito, nas clases que ata o momento presenciei, o libro segue sendo o fío condutor da materia. Pero si que é certo que hoxe en día son moitas as posibilidades que se abren para facer que a ensinanza dunha materia sexa diferente. Para iso o docente vai ter que empregar máis tempo no deseño do currículo e de cada unha das súas clases, pero o alumnado tamén o vai agradecer. Debemos ter en conta que os rapaces de hoxe reciben moitos máis estímulos e chegar a motivalos depende en boa parte da innovación.

Pero como podemos innovar? Non hai un método máxico e único. Innovar, baixo o que eu considero, é tratar de ensinar os contidos dun xeito dinámico, empregando en cada unha das clases materiais diferentes, tratando de sorprender o alumnado con exercicios que non repitan a súa estrutura, botando man de contidos reais pegados á actualidade e aos seus intereses e, por que non, facendo mover aos alumnos pola aula e mesmo polo centro acudindo de cando en vez á Aula de Informática co amplo abano de recursos que Internet nos ofrece, outro día ao Laboratorio de Idiomas e asistindo a actividades complementarias como poden ser charlas relacionadas coa nosa materia.

Innovar na ensinanza dunha lingua quizais sexa posible achegándote a ese idioma co obxectivo primeiro e último de saber comunicarse e ter un amplo vocabulario. Isto pódese conseguir a través de moitos recursos que non nos leven a ser repetitivos e a estar máis achegados aos nosos alumnos. No ensino dunha lingua (sexa L1 ou estranxeira) empregaría hoxe en día moitos contidos audiovisuais, o cine e o teatro feito nese idioma serían dúas actividades complementarias ao longo do curso, a presenza dunha persoa nativa na aula cada certo tempo para reforzar a produción fonolóxica e traer aire fresco á aula e, finalmente, moito material real pegado á actualidade que nos leve á aprendizaxe da lingua, pero que tamén dea lugar á ensinanza en valores, moi importante para min e vital para formar a sociedade que vén.


Podcast "A fala"

Boas!

Tal e como falamos na clase, aquí vos deixo un podcast onde vos falo de algo relacionado co que estivemos vendo este trimestre na clase, pero no que vos conto algo a maiores. 

Se cadra é materia de exame... 

luns, 24 de febreiro de 2020

Ponte a proba!

Boas!

Creo que o outro día estivestes moi entretidos coa sopa de letras, pois hoxe aquí vos deixo unha especie de Trivial co que podedes comprobar como van os vosos coñecementos sobre a lingua e a literatura galegas. Facede memoria e nada de empregar San Google...

Xa me contades!

venres, 21 de febreiro de 2020

Xogar na casa

Benquerid@s!!!

Achégase a fin de semana e, como sempre gozamos de máis tempo, propóñovos un xogo... Coñecedes ben as partes da vosa casa? Na seguinte sopa de letras tedes agochadas algunhas das zonas que compoñen unha casa típica galega.

A xogar e a dar con elas!